Arredor da memoria II

Aquí vos deixamos os segundo dos relatos de autora que recollemos o pasado mes de maio no local da asociación de veciñ@s da Gándara. Moitas gracias tanto ás dúas autoras, Esther e María Jesús, coma a toda a xente da asociación.

 

A lenda dunha aparición

Fixádevos no actual que vos vai resultar a seguinte historia. Estamos ante unha lenda pois, malia a que non se recollan nomes e apelidos nin a localización concreta, ben se ve desde o inicio que o relato se nos está a presentar non como unha invención, senón como algo que lle sucedeu en realidade a alguén máis ou menos próximo. E ese “algo” que sucedeu, ou que sucedía, mellor dito, á parte de terriblemente fermoso, e tenro, intentade imaxinalo como unha escena de calquera película de suspense que poidades ir ver calquera destes días ao cine. Xa veredes como lle iría que nin pintada.

É frecuente que nos acheguemos a este tipo de mostras culturais cunha especie de lentes como etnográficas, ou por dicilo claramente, como “cousas de vellos”. Unha das nosas teimas, porén, é facer patente estoutra faceta, e presentalas como o que son: creacións culturais, relatos, ficcións. Nin máis nin menos. O dito, reparade, por favor, na escena que se conta neste breve vídeo.

Arredor da memoria

Hai un par de semanas, logo de pasar unhas horas canda a xente do Obradoiro da Memoria, estivemos cun grupo de amigas e amigos no local da asociación veciñal da Gándara. Alí explicamos o noso proxecto e solicitámoslles a súa colaboración na procura de informantes.

Quixo non obstante a casualidade que alí mesmo désemos con dúas estupendas creadoras e contadoras como Esther Val e María Jesús Millarengo, e malia a que as súas historias, como ides comprobar, son de autoría propia e non de tradición oral, si cremos que acaen ben neste blog, porque ambas tratan da memoria, aínda que desde ópticas ben distintas. Se sodes tan afortunadas e afortunados como para dispordes duns minutiños nos que detervos a escoitar historias, pediríavos que quedásedes unha miguiña por aquí, veredes como tirades proveito.

Por hoxe empezamos coa historia que nos contou Esther, e en vindeiros días subiremos a de María Jesús.

 

Algunha panxoliña e outras historias

O pasado mércores volvemos visitar os obradoiros da memoria que se levan a cabo no centro “Manuela Pérez Sequeiros” e unha vez máis a experiencia resultou moi proveitosa, polo menos para nós, e cremos e esperamos que tamén para todas as persoas participantes.

Das pezas que recollemos este día queremos destacar en primeiro lugar un fragmento dunha panxoliña, que ides poder escoitar a continuación se o desexades. Trátase dun canto de Nadal realmente bonito e ben interpretado por Carme García. Non obstante, no primeiro momento ofreceunos dúbidas de que se tratase dunha composición realmente de orixe tradicional. Unha primeira procura na rede infórmanos de que si se trata dunha composición tradicional, pero recollida e adaptada polo célebre párroco nedense Manuel Pérez Fanego. En todo caso, deixámosvos o fragmento que nos cantou Carme e pola nosa banda procuraremos ampliar información sobre o poema.

Carme García foi a colaboradora que primeiro se animou a romper o xeo, polo que temos que darlle dobremente as gracias. Ademais desta panxoliña tamén nos contou algunha cousa máis, de entre as que non queremos deixar de salientar este pequeno e simpático canto para arrolar.

Logo de Carme fóronse animando o resto dos participantes e a tarde foise enchendo de cantares e relatos que nos fixeron pasar unhas horas moi agradables. Igual ca nas outras ocasións, avisamos de que non imos subir inmediatamente ao blog todas as pezas recollidas, senón que o imos facer de vagar para que se lles preste atención a cada unha delas. Para hoxe, ademais destas pezas en verso que acabamos de ver, queremos engadir un par de historias en realidade cunha certa semellanza entre si. Ambas tratan o tema da Santa Compaña, unha figura omnipresente en calquera encontro entre galegos onde se fale de lendas e vellas historias. Porén, as anécdotas que nos contaron este mércores abordaban o tema desde unha perspectiva que nos fai comprender que non todo é o que parece. Esperemos que gocedes co bo contar primeiro de María Jesús Alvariño e logo de Mónica Díaz.

E por hoxe máis nada, para a próxima semana subiremos material que xa temos gravado destas sesións e ademais visitaremos a Asociación de veciños da Gándara para conseguir novas historias e probablemente volvamos polos obradoiros da memoria, toda unha mina para quen nos dedicamos a escoitar a poesía e a narrativa oral tradicional. Daquela, até a semana, unha aperta e imos contando!

O romance de Xan Guindán

Por fin empezamos coas gravacións, como vos dixeramos, e xa temos o primeiro material para subir ao blog. Onte pasamos dúas horas moi agradables coa xente dos obradoiros da memoria no centro social “Manuela Pérez Sequeiros”. Queremos agradecer a colaboración das persoas que dinamizan estes obradoiros e, sobre todo, a das e dos maiores participantes. Recoller onte con eles foi doadísimo e de feito imos ter que volver porque nin sequera deu tempo a que interviñesen todas as persoas que estaban, nin a que rematasen de contar todas as súas historias aquelas que si puideron intervir.

Participantes nos Obradoiros da Memoria

Participantes nos Obradoiros da Memoria

A sesión de onte non só foi agradable, como diciamos, senón tamén moi frutífera. Temos varias gravacións moi interesantes que iremos publicando progresivamente para que todas elas poidan gozar do seu tempo de atención. Para destacar hoxe en portada escollemos un vídeo de Otilia Vello cántandonos varias estrofas do coñecido romance de Xan Guindán. Esta mostra de poesía popular gozou sen dúbida dunha afortunada recepción, como demostra o feito de ser amplamente recoñecida por toda a xeografía galega, de gozar dun gran número de versións e incluso de ser incorporada aos repertorios contémporáneos a través das diferentes reinterpretacións de grupos actuais.

Para alén deste vídeo tamén podedes ir escoitando algunha outra peza nos diferentes apartados da pestana Gravacións. Concretamente inauguramos a sección Varios cunha explicación sobre a función atribuída nalgunhas zonas ás pegas (noutros lugares ese papel cumpríao o paporrubio, por exemplo). Tamén podedes escoitar xa algunha anécdota persoal moi simpática, e moi ben contada, algún chiste e varias lendas. Destas últimas foi do que máis exemplos recollemos este día, pero como dixemos preferimos ir subíndoas de vagar, para que cada unha vaia dispondo do seu tempo.

Quédanos por contar que este mesmo día, pola mañá, cumprimos no IES Terra de Trasancos coa segunda das xornadas de formación audiovisual, e estamos satisfeitos porque hai un grupo de rapaces decididos a levar adiante a realización dunha curtametraxe baseada nalgunha lenda da zona. De momento non podemos asegurar nin adiantar nada, pero estamos traballando para que esta idea vaia adiante. Temos en contra a escasa dispoñibilidade de tempo da rapazada neste tramo final do curso, pero confiamos en poder ir dándovos conta do proxecto, aínda que sexa devagar.

Obradoiro de blogs e 1ª sesión de curtametraxes

O pasado mércores día 10 tivemos o segundo encontro co alumnado de 1º de bacharelato do IES Terra de Trasancos. Foi unha apertada mañá na que estivemos un par de horas con cada un dos dous grupos participantes e traballamos primeiro os blogs e posteriormente un achegamento inicial ao mundo das curtametraxes.

Como podedes ver o tempo escasea, así que hai que escoller moi ben os contidos para tratar. No eido blogs prescindimos das nocións máis básicas, do como crealo -cómpre tamén recordar que repartimos a cada participante un manual impreso onde se recollen máis estensamente todos os contidos dunha área e outra-, e centrámonos naqueloutras posibilidades que máis nos interesan para un proxecto coma este: o cargado das gravacións sonoras, a utilización do Soundcloud, os ficheiros audiovisuais ou a utilización do mapa foron os principais contidos que couberon nesa hora.

Ilustración de Eva Merlán para o seu libro Contos de Trasancos

Ilustración de Eva Merlán para o seu libro Contos de Trasancos

A seguir encetamos a formación sobre o mundo da curtametraxe, e fixémolo cunha achega á elaboración do guión. Como sabedes, o fío condutor de todo este proxecto é a literatura de tradición oral, e as curtametraxes abordámolas como un xeito de nos achegar a ese campo desde unha linguaxe contemporánea e atractiva para a xente nova. Por ese motivo abordamos o guión non desde o seu parto sobre un papel en branco, senón poñéndonos no suposto da reelaboración dunha lenda de tradición oral, neste caso concreto escollemos a lenda da Pena Molexa, que incialmente chegou até nós a través do libro, xa citado no primeiro, Contos de Trasancos, da deseñadora e escritora Eva Merlán.

A próxima cita coa rapazada será o xoves 2 de maio, para seguir afondando no tema das curtametraxes. E ata daquela, eles por un lado e nós polo outro para empezar o traballo de campo e a recollida de material que ir difundindo neste blog. Pola nosa banda parece confirmado que para a semana próxima poderemos ter entrevistas cos primeiros informantes, así que xa vos daremos conta. Por hoxe deixámosvos cun pequeno audio para aqueles que non coñezan a a lenda da Pena Molexa, ah, e cun novo chamamento á colaboración: calquera persoa da contorna de Narón que queira botar unha man, ben exercendo como informante, ben facilitándonos o achegamento a outras persoas que si poidan selo, que non dubide en pórse en contacto connosco a través deste blog ou do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón.

MolexaSeguro que oístes mil veces iso de que non sabemos ver o que temos diante dos ollos. Pois pode ser certo, pero ás veces sucede porque ninguén nos contou que era o que tiñamos que ver; pode que ninguén se molestase en amosarnos as portas da dimensión imaxinaria que se agocha tras das nosas rutineiras paisaxes cotiás.

Paisaxes coma as que podedes ver na foto. Se preguntásemos algo acerca dos penedos que vemos aquí, abondaríavos teclear o nome para que na pantalla do voso ordenador accedésedes a información acerca da lenda que alí se agocha; despois, se vos interesar, poderiades procurar información sen fin arredor desa lenda, das súas orixes, dos correlatos noutros culturas, o que quixerades… mais, pode atraparvos ese relato que ledes na pantalla? Pode, sen dúbida, pero estamos certos de que moito máis vos había cautivar se esa historia chegase da viva voz  dun bo ou unha boa contadora de historias. Porque a lenda da Pena Molexa pertence ao mundo da literatura oral, e como tal foi creada para ser contada. Non obstante ninguén nos impide transformala en relato escrito, como xa fixo por exemplo Eva Merlán no seu libro Contos de Trasancos, ou por que non convertela nunha curtametraxe? Como facelo é o que vai empezar a aprender parte do alumnado do IES Terra de Trasancos mañá mércores…

Animámosvos a todas e todos os que saibades contos, lendas, cantigas, adiviñas… da  Terra de Trasancos a que colaboredes connosco. O voso coñecemento e a vosa memoria son os que van dar folgos a este proxecto…

Seguir lendo