Algunha panxoliña e outras historias

O pasado mércores volvemos visitar os obradoiros da memoria que se levan a cabo no centro “Manuela Pérez Sequeiros” e unha vez máis a experiencia resultou moi proveitosa, polo menos para nós, e cremos e esperamos que tamén para todas as persoas participantes.

Das pezas que recollemos este día queremos destacar en primeiro lugar un fragmento dunha panxoliña, que ides poder escoitar a continuación se o desexades. Trátase dun canto de Nadal realmente bonito e ben interpretado por Carme García. Non obstante, no primeiro momento ofreceunos dúbidas de que se tratase dunha composición realmente de orixe tradicional. Unha primeira procura na rede infórmanos de que si se trata dunha composición tradicional, pero recollida e adaptada polo célebre párroco nedense Manuel Pérez Fanego. En todo caso, deixámosvos o fragmento que nos cantou Carme e pola nosa banda procuraremos ampliar información sobre o poema.

Carme García foi a colaboradora que primeiro se animou a romper o xeo, polo que temos que darlle dobremente as gracias. Ademais desta panxoliña tamén nos contou algunha cousa máis, de entre as que non queremos deixar de salientar este pequeno e simpático canto para arrolar.

Logo de Carme fóronse animando o resto dos participantes e a tarde foise enchendo de cantares e relatos que nos fixeron pasar unhas horas moi agradables. Igual ca nas outras ocasións, avisamos de que non imos subir inmediatamente ao blog todas as pezas recollidas, senón que o imos facer de vagar para que se lles preste atención a cada unha delas. Para hoxe, ademais destas pezas en verso que acabamos de ver, queremos engadir un par de historias en realidade cunha certa semellanza entre si. Ambas tratan o tema da Santa Compaña, unha figura omnipresente en calquera encontro entre galegos onde se fale de lendas e vellas historias. Porén, as anécdotas que nos contaron este mércores abordaban o tema desde unha perspectiva que nos fai comprender que non todo é o que parece. Esperemos que gocedes co bo contar primeiro de María Jesús Alvariño e logo de Mónica Díaz.

E por hoxe máis nada, para a próxima semana subiremos material que xa temos gravado destas sesións e ademais visitaremos a Asociación de veciños da Gándara para conseguir novas historias e probablemente volvamos polos obradoiros da memoria, toda unha mina para quen nos dedicamos a escoitar a poesía e a narrativa oral tradicional. Daquela, até a semana, unha aperta e imos contando!

Deixar un comentario